Monday 29 de April de 2024

A Biblioteca de Fene conmemora o Día das Bibliotecas cunha sesión de contacontos


TAMÉN PORÁ EN MARCHA UN NOVO SERVIZO DENOMINADO “MESA DE INTERCAMBIO DE LIBROS”

“Que sería do gato con botas sen as botas e de Cinsenta sen o zapato de cristal? E qué pasaría se os trasnos non lle fixesen zapatos ao zapateiro? Sería posible o mundo dos contos que todos coñecemos se non houbese zapatos?
É o tema de “Érase unha vez uns zapatos”, espectáculo de contacontos que o vindeiro luns 24 de outubro traerá a Fene a coñecida narradora Fátima Fernández. A sesión, dirixida a nenos/as de 4 a 12 anos, comezará ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Entrada libre ata completar o aforo.
Actividade encadrada no programa Ler Conta Moito 2016 da Xunta de Galicia.
MESA DE INTERCAMBIO DE LIBROS
Tamén, co motivo do Día da Biblioteca, a Biblioteca Municipal de Fene porá en marcha a partir do vindeiro luns o que se vai chamar a “Mesa de intercambio de libros”. Trátase dunha mesa moi especial na que os/as usuarios/as atoparán libros de todo tipo “agardando ser lidos por alguén”. Unha vez que o usuario colla un libro da mesa “poderá devolvelo á mesma mesa ou non, como queira. Non terá por qué devolvelo se lle apetece conservalo”. Ademais, cos libros da “Mesa de intercambio” non haberá que pasar polo mostrador de préstamo, nin pagar, nin pedir permiso, nin nada. Estarán alí para todos os usuarios interesados en collelos que, ao mesmo tempo, poderán deixar tamén algún libro que teñan na casa e que xa non queiran ou que lles gustaría compartir con outros usuarios.
Segundo explican dende a Biblioteca Municipal de Fene, o obxectivo deste novo servizo é “fomentar a cultura e o hábito lector, pero tamén dar aos libros unha segunda oportunidade”